jueves, 18 de febrero de 2016

Bícame, Frank. Miguel Anxo Fernández









Bícame, Frank, é a quinta entrega da saga de novela negra, do detective californiano de orixe galega: Frank Soutelo. Igual que ocorre na novela anterior, Lume de cobiza, Frank muda de escenario, deixa a soleada California para loitar contra o crime na terra dos seus devanceiros.
A serie de Frank Soutelo comezou no 2002 con Un nicho para Merilyn e continuou con Luar no inferno, Tres disparos e dous friames e Lume de cobiza.
O detective, de vacacións pola nosa terra, verase involucrado nunha historia truculenta onde un papiro exipcio e o manuscrito Vento Mareiro de Ramón  Cabanillas, xunto coa aparición dun cadáver sen mans, xogan un papel fundamental, nunha historia cun ritmo trepidante, a itinerancia é unha constante ao longo do texto é unha verdadeira homenaxe a todos estos lugares por parte do autor: Muros, Vigo, Allariz, Sanxenxo, O Grove, Carballiño son tan só algún dos lugares que se mencionan. Todo isto ven acompañado de tramas secundarias onde non faltan persecucións, chantaxes, equívocos, empresarios e políticos corruptos e un longo etcétera de asuntos e situación relacionados cos temas de actualidade social que fan que a tensión non se perda.
Para esta labiríntica historia Frank, volve a contar con personaxes xa coñecidos en entrega anteriores: Poncio, o garda civil retirado, metido a taberneiro, a calada e misteriosa detective Dalia, e como non podía ser menos a figura do funerario corrupto e estrambótico  Sugar Jones. Aparecen novos personaxes como a suxerinte femme fatale ou o peculiar comisario de Vilagarcía, sempre cunha codia de pan nas mans.
Merece unha mención especial a figura da tía Castora por reflectir toda a sabiduría da muller galega, cos seus refráns, a súa retranca e cunha man especial na cociña, todos temos a nosa propia tía Castora.












Historiador, profesor e crítico de cine, Miguel Anxo Fernández ( O Carballiño, 1955) está vencellado desde finais dos anos setenta ao desenvolvemento do audiovisual galego, labor polo que se lle concedeu o Premio de Honra Fernando Rey no 2001. En 2012 recibiu o Premio da Cultura Galega polo seu labor na creación audiovisual. Profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo, exerce a crítica diaria de cinema e televisión en La Voz de Galicia, ademais de colaborar no Diario Cultural (Radio Galega) e en Planeta Cine (TVG). Entre a súa obra especializada destacan Carlos Velo. Cine e exilio (1996), As imaxes de Carlos Velo (2001, Premio Sempre en Galiza), Las imágenes de Carlos Velo (UNAM, México, 2007), A Bela Otero, pioneira do cine (2002, Premio Chano Piñeiro), Rodado en Galicia (2005) e Os amigos de Chano Piñeiro (2007, ed.). No eido da ficción publicou en Galaxia O sabre do francés (2002) e Capitol, última sesión (2004), ademáis da saga sobre o detective Frank Soutelo, formada por Un nicho para Marilyn (2002, Premio García Barros), Luar no inferno (2006), Tres disparos e dous friames (2008) e Lume de cobiza (2011).